22/06/2008

Que haxa alguén ahí fóra por Deus!!!



Dende neno, o que máis me chamou a atención foi o espacio, nen as mozas gardaban tantos segredos. O universo ten o poder de crear nas mentes suficientemente intelixentes cuestións abstractas que o abranguen absolutamente todo. Non só por saber qué pasou nas millonésimas de segundo posteriores ao Big Bang senón se o mesmo Big Bang aconteceu de certo e se é o comezo do tempo tal como o coñecemos.
O maior poder do que gozamos os seres humano radica na nosa capacidade de imaxinar,de soñar, de explorar coa mente, e a inmensidade do cosmos é unha presa demasiado suculenta como pra escapar das nosas elucubracións.
Pero sen dúbida a pregunta que máis éxito tivo entre a sociedade foi ¿estamos sós eiquí abaixo?. Ninguén coñece a resposta a unha pregunta que resulta mesmo demasiado turbadora. Sabemos que hai vida eiquí, no noso terruño, pero por algún motivo estúpido moitos pontifican sobre a imposibilidade de vida noutros planetas, alegando a deuses, mitos, o que sexa.
Son dos que pertencen ó outro bando, non o podo evitar. Non pola búsqueda dunha intelixencia superior, tampouco porque estar sós sería demasiado aburrido, senón polo avance científico no coñecemento da nosa orixe.
Imaxina que as nosas sondas marcianas detecten unha proteína ou un aminoácido no planeta vermello. Isto é moito máis básico que a recepción dunha mensaxe extraterrestre, pero igualmente delicioso. Demostraría que o xerme da vida non se cinguiu a un planeta só.
No fondo do corpo sei que non pode ser certo que esteamos sós. Non tería sentido que a Terra, un planeta menor quecido por unha estrela pequena que xira nun dos brazos dunha galaxia mediocre, fose o bastión de toda a vida posible.
Por iso quero crer que non demasiado lonxe, quizais haxa un ser mirando ás estrelas e facéndose a mesma pregunta que me fixen eu unha vez tamén mirándoas ¿Hai alguén ahí fóra?.

Nenhum comentário:

Xan Tomei

Xan Tomei
Tras de escoitar "Néboa Infinda" de Brath